Turismo

Visita guiada co presidente de Apatrigal, Carlos Coto, a varios dos hórreos máis singulares de Rianxo. - Visita guiada: Hórreos senlleiros do Concello de Rianxo - Concello de Rianxo

INFORMACIÓN TURÍSTICA

Turismo

Visita guiada: Hórreos senlleiros do Concello de Rianxo

Visita guiada co presidente de Apatrigal, Carlos Coto, a varios dos hórreos máis singulares de Rianxo.

O Concello de Rianxo, xunto coa Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (APATRIGAL), organiza unha visita guiada gratuíta a varios dos hórreos máis singulares do municipio da man do experto Carlos Coto.

- Data e lugar de encontro: sábado, 3 de setembro – 11:00 – Praza de Castelao

- Duración aproximada: 3 horas

- Prazo límite de inscrición: ata o venres 2 de setembro ás 13:00.

- N.º mínimo de persoas para a realización da actividade: 15.

- Prazas limitadas.

- INSCRICIÓN (necesaria):

  • En persoa: Nos puntos de Información turística de Rianxo
  • Por teléfono: 604 023 753 (de luns a domingo de 10:00 a 14:00)
  • Por correo-e: turismo@concelloderianxo.gal

A inscrición implica o consentimento para a publicación por parte da organización de imaxes realizadas durante as actividades.

Se a actividade fose cancelada, avisarase  ás persoas inscritas por teléfono o día anterior.

 

Carlos Henrique Fernández Coto, presidente de APATRIGAL, será o encargado de contarnos as características e singularidades das graneiras do noso Concello. O arquitecto ten unha ampla experiencia no sector público e privado e é un gran apaixonado dos hórreos. Entre os seus obxectivos á fronte da asociación, está a de declaración de Patrimonio da Humanidade para os hórreos.

Campo das graneiras de Meiquiz

Situado na parroquia de Leiro, esta eira situada na aldea de Meiquiz acolle un dos grupos máis numerosos de hórreos de Galicia. Destaca a variada tipoloxía e materiais empregados na súa construción.

Hórreo da reitoral de Isorna

Nos terreos da casa reitoral de Isorna sitúase un fermoso hórreo de máis de 24 metros de lonxitude construído no 1805. Conta con 14 cepas como pés, tornarratos corrido e doelas de pedra. Ao seu carón pódese observar unha superficie elevada de pedra que se usaba para a malla ou para que o vento limpase o lixo do cereal. O conxunto complétase coa igrexa parroquial. As vistas permítennos ollar o Castro das Cercas, no monte que domina a desembocadura do río Ulla dende a súa marxe Norte.

Hórreo do Araño

O hórreo da reitoral do Araño ten a honra de ser o máis longo (37,05 m) e tamén o de máis capacidade do mundo. A súa inmensa cámara levántase sobre un celeiro de considerable altura, e con espazo de almacenamento no seu interior. Construíuse a finais do século XVIII sendo crego Rafael López Lago. A parroquia do Araño é a máis extensa do municipio, e o hórreo é testemuña da importancia que tivo o rural en Galicia, así como do poder que tiña a Igrexa sobre a poboación. Neste lugar, ademais do hórreo, atópase unha fermosa casa reitoral, a igrexa parroquial, a capela da Virxe dos Milagres e un pombal na ladeira do monte.

Hórreo do pazo de Viturro

O hórreo do pazo de Rianxiño mide 24,90 m de longo, sendo o de maior tamaño construído totalmente en pedra. A historia desta graneira dinos que os canteiros que o fixeron realizárono os domingos para evitar ter que ir á guerra a África. A pedra que empregaron foi extraída da Devesa do Caseiro, a 1 Km de distancia, do mesmo xeito que a empregaron para unha lareira, para a bóveda dunha bodega que sería reconvertida en capela, e para o muro da parcela.