Notas de Prensa

- Rianxo, municipio contrario ao Tratado de Libre Comercio UE-Estados Unidos (TTIP) - Concello de Rianxo

Notas de Prensa

Rianxo, municipio contrario ao Tratado de Libre Comercio UE-Estados Unidos (TTIP)

O pleno ordinario de abril do Concello de Rianxo declarou o noso municipio contrario ao Tratado de Libre Comercio (TTIP). Un tratado que están a negociar en segredo a porta pechada entre a Unión Europea e os Estados Unidos. Cun escurantismo impropio dunha democracia, onde se están a abrir á cidadanía canles para a participación, este tratado negóciase dun xeito escurantista e con severísimas restricións de acceso e control dos seus contidos mesmo aos parlamentarios europeos.

Despois dun primeiro intento no mandato de anterior (novembro 2014) de aprobar unha iniciativa do BNG neste senso que non contou co respaldo maioritario da corporación, un novo intento permitiu aprobar unha moción similar de Rianxo en Común neste mes de abril, que desta volta si contou co respaldo maioritario e cuestiona a sinatura futura dese Tratado.

Son moitos os municipios de todo Europa que se están a unir contra esta nova ofensiva neoliberal que subordina a autonomía municipal (e mesmo dos parlamentos e do resto das administracións) aos lobbies das grandes industrias. Entre outros efectos de graves plantexa a redución das posibilidades de protexer os servizos públicos abrindo canles para unha privatización xeneralizada e tamén, en caso de conflito, os tribunais que os dirimirán non son os actuais do poder xudicial, senón uns tribunais especiais no que forman parte as empresas. Nin que dicir do difícil acceso para a defensa dos intereses de concellos pequenos como o noso.

Sectores chave da economía local de Rianxo como é a produción mexilloeira tamén serían afectados coa supresión de controles as importacións o que supón se cabe aínda máis facilidades aos produtos foráneos que terían as portas abertas competindo en desigualdade. Ou a entrada masiva de sementes, produtos tranxénicos, pesticidas, fertilizantes, que se beneficiarían da menor protección americana e verían a súa entrada libre en Europa.