Notas de Prensa

- Nota de prensa do Día Internacional contra a Violencia de xénero - Concello de Rianxo

Notas de Prensa

Nota de prensa do Día Internacional contra a Violencia de xénero

Día Internacional contra a Violencia de Xénero

Para conmemorar o día Día Internacional contra a Violencia de Xénero o Concello de Rianxo ten programado para o próximo domingo día 25, ás 12:00 hrs., unha concentración diante da Casa Consistorial onde se dará lectura a un manifesto por parte de concelleiros e concelleiras.

Un gran lazo violeta será instalado no balcón do concello.

Acto literario

A continuación, darase inicio a un acto literario no que, con música en directo, os veciños e veciñas que o desexen participarán na lectura de textos relacionados coa violencia de xénero.

Compromiso de Non Violencia

A concellería de Igualdade do Concello de Rianxo pon en marcha unha sección de Compromiso de Non Violencia dirixida a todos veciños e veciñas que queiran participar coas súas propostas, ideas, denuncias ou suxestións.

Co obxectivo de que a participación teña continuidade no tempo habilitáronse diferentes vías de participación nas redes sociais e no web municipal, co identificador "rianxo25n". Para dar a coñecer as diferentes opcións, o concello instalará este domingo unha mesa diante da Casa Consistorial na que se entregarán tarxetas de compromiso coa invitación a participar, dando a coñecer as direccións do web, correo-e e redes sociais creadas a favor da non violencia.

Adhesión á Rede Galega de Entidades Locais en contra da Violencia de Xénero.

O concello de Rianxo vén de asinar o protocolo para sumarse á "Rede galega de entidades locais en contra da violencia de xénero" posta en marcha pola Secretaría Xeral de Igualdade en colaboración coa FEGAMP.

Coa sinatura do modelo de adhesión, o Concello de Rianxo comprométese a desenvolver conxuntamente co departamento autonómico accións de sensibilización e prevención, informativas, formativas e de asistencia ás vítimas.

Accións a desenvolver

Como integrante na rede, o concello de Rianxo ten solicitado unha serie de accións das que oferta a Secretaría Xeral de Igualdade, como un obradoiro de autodefensa para mulleres vítimas de violencia de xénero, un espectáculo lúdico-musical e pedagóxico que analiza os roles de xénero que transmiten as cancións de temática amorosa, unha intervención de terapia ocupacional con menores expostos a situacións de violencia de xénero a través das artes plásticas ou unha exposición gráfica de ilustracións de diferentes artistas sobre a violencia de xénero e a mocidade.

Concellería de Igualdade
Concello de Rianxo