Deportes

- Presentación e musealizacion 2 pezas arqueolóxicas líticas voluminosas - Concello de Rianxo

INFORMACIÓN XERAL

Edif. Cuartel Vello, Praza Castelao 9, Rianxo.

981 86 63 81 - 661 247 136

Horario inverno: 8 a 15 h.

Horario verán: 8 a 14 h.

deportes@concelloderianxo.gal

Subvencións a concellos e entidades locais para o mantemento ou creación de persoal técnico nos servizos municipais de deportes en 2023

Actualidade

Presentación e musealizacion 2 pezas arqueolóxicas líticas voluminosas

O xoves 22 de decembro, ás 20:30 h.,  presentarase o no Auditorio Municipal o proxecto de traslado e musealización de dúas pezas arqueolóxicas líticas voluminosas ao Auditorio Municipal de Rianxo, da Concellería de Patrimonio Histórico do Concello de Rianxo.

Explicarán o proxecto Mario César Vila, Arqueólogo, Ramón Fábregas Valcarce, Catedrático da Área de Prehistoria da USC, Adolfo Muíños, Alcalde de Rianxo, e Xusto Ordóñez, Concelleiro de Deportes e Patrimonio Histórico.

O PROXECTO:

1. Contexto e antecedentes

O Concello de Rianxo conserva dentro das dependencias municipais a laxe decorada dos Campiños (ortostato procedente dun túmulo megalítico, culturalmente pertencente ao neolítico-calcolítco) e un merlón con escudo dos Soutomaior (procedente da fortaleza de Torre/Castelo da Lúa, correspóndese cun elemento construtivo do castelo, que presenta en relevo o escudo de armas axadrezado da familia Soutomaior, vinculada á vila de Rianxo)
O concello de Rianxo promove e sufraga o traslado das dúas pezas arqueolóxicas líticas, ao Auditorio do Concello de Rianxo, onde permanecerán expostas e como lugar de depósito. Deste xeito, estas pezas quedarían expostas nun espazo de numerosa afluencia de cara á súa posta en valor e contemplación pública, nunhas condicións de conservación e seguridade máis axeitadas.

A zona prevista trátase dun espazo localizado no ángulo que conforman os dous corredores de acceso e exposicións do auditorio, destinado a zona de rolda de prensa, actos e presentacións. A parte posterior deste ámbito presenta amplas ventás que permiten a iluminación natural polo día, sendo necesaria a instalación dunha iluminación artificial para as horas nocturnas.

2. Contexto histórico e arqueolóxico das pezas

2.1. A laxe decorada de Os Campiños1

A necrópole de Os Campiños, localízase no bordo achairado dunha pequena dorsal topográfica que descende desde o extremo S do monte Lioira, en dirección aproximada N-S, entre os 140 e os 120 m de altitude.
Dun conxunto de seis túmulos localizados, estendidos ao longo da dorsal, o número 1, estando situado na parte máis setentrional da necrópole e próximo ao pé do monte, resultou ser o máis afectado pola construción dunha pista forestal que causou a súa destrución.
Tería aproximadamente uns 20 m de diámetro en planta por 1,5 m de altura. No intre do seu descubrimento, conservaba, aproximadamente, unha cuarta parte en forma de crecente lunar. As outras tres cuartas partes da súa masa tumular foran extraidos por unha pá escavadora, que arrasara o monumento ata o nivel de base ou, mesmo, máis profundamente. No corte deste “crecente luar” observáranse aínda os restas dunha coiraza superficial formada por pedras de mediano tamaño. Igualmente, á beira do monumento, seguindo o regueiro deixado pola escavadora e a escasas 10 m, conservábanse algunhas laxes de pedra de regular porte, rotas todas menos unha, correspondente á coñecida coma Laxe decorada dos Campiños.
Á parte dunha fractura na súa parte apuntada, a laxa conservábase aparentemente completa, sen máis danos que algunhas marcas na súa superficie. En total, as súas dimensións máximas conservadas son de 220 cm de lonxitude, por 90 cm de anchura, o que concorda perfectamente cos ortostatos doutros túmulos megalíticos da mesma necrópole. A peza podería chegar aos 1.200 Kg de peso, cálculo obtido a partir das dimensións e do tipo de materia prima utilizada coma soporte, correspondente a granito local de moi boa calidade.

Os gravados aparecen sobre ambas caras da laxa, sen apreciarse diferenzas dende o punto de vista morfolóxico ou técnico. Na cara A os sucos son moi abertos e pouco profundos, especialmente os correspondentes aos trazos verticais e paralelos dun extremo. Os trazos da cara B, preséntanse co mesmo aspecto achairado e só o motivo circular incompleto, se presenta menos profundo que os demais. Os investigadores consideran que estas representacións foron elaboradas mediante percusión con algún obxecto non demasiado apuntado, dadas as seccións abertas , que presentan os sucos en todos os casos.
Os motivos inscríbense en ambas as superficies da laxe, pero presentan unha maior complexidade na cara A que na B. Dun modo descritivo, a súa localización sería a seguinte:

Cara A
Aproximadamente no seu terzo superior localízanse dúas parellas de liñas verticais, truncados por unha fractura que afecta esa zona polo que se descoñece como rematarían polo seu lado superior, aínda que se supón que debían unirse entre si. Tamén desapareceu aquí unha liña horizontal que bordeaba todo o perímetro superior da laxe, perfectamente apreciable na cara B e no bordo entre ambas as caras.
No terzo medio, apréciase unha liña disposta transversalmente, que rodeo o perímetro da pedra e á cal se asocian outras dúas liñas máis ou menos verticais. A da dereita contacta con ela, rematando por baixo en forma angulosa, namentres a da esquerda non chega a unirse á horizontal, rematando nun ángulo recto na súa parte superior.

Cara B
Nesta superficie, menos elaborada, aprécianse tres acanaladuras horizontais, unha en cada terzo. A superior e a central discorren de lado a lado e reforzan a impresión de rodear a peza namentres a inferior está só parcialmente rematada e non se continúa na cara A. Ademais, neste lado apréciase un círculo incompleto na súa parte superior.
En canto á interpretación destes gravados, os investigadores indican a singularidade desta peza, xa que os motivos representados (liñas verticais sinxelas ou agrupadas, liñas horizontais, círculo), son inéditos na arte megalítica do noroeste, coa excepción do circulo. Non obstante a composición resulta unha novidade polo seu conxunto.

Os dous pares de liñas paralelas no treito superior, relaciónase co denominado “motivo en U” da arte megalítica, neste caso invertido, quizais coma unha variante de motivos denominados coma “colar”. Interprétase coma unha variante da face ou a cabeza dunha representación antropomórfica esquematizada, indisociable da propia estela. Son múltiples os paralelos de estelas con representacións antropomorfas en todo Europa dende finais do Neolítico ata o Bronce Inicial.

A liña horizontal superior (perdida parcialmente na cara A), partindo da suposta representación antropomorfa, trataríase da coñecida coma “diadema”, situada entre a face e o remate da estela.
Na parte media da peza localizaríase o denominado “cinturón”. De aquí arrincan, outras dúas liñas verticais, mais ou menos complexas, que son as de máis difícil adscrición. Poderían tratarse tanto dos membros inferiores coma dalgún dos obxectos descritos para os grupos de estelas do SE francés (cruces, báculos, arco e/ou machada). En todo caso, resáltase a disposición simétrica destes dous motivos que reforza o aspecto antropomorfo xeral.

Na parte inferior da laxe só aparece gravada a cara B, onde se localiza unha liña horizontal e un círculo, ambos incompletos e non se sabe si relacionados. Non semella probable que se trate dun novo cinto no caso da liña inferior. Respecto ao círculo, tampouco é doado asignarlle calquera tipo de termo descritivo pero á parte da descrición e a definición dos motivos, resulta de especial interese o tratamento de conxunto, tanto dende o punto de vista morfolóxico, coma na composición en rexistros e sobre todo, na disposición dos motivos na superficie da laxe.

Estas características, especialmente na cara Á, aportan ao conxunto dun tratamento plástico á vez que lle imprimen un evidente aspecto antropomórfico, característica común fundamental á hora de definir as estelas funerarios neolíticas e do bronce inicial na Europa occidental.
Respecto á cuestión da asociación entre o estela e o monumento megalítico, o feito de que a decoración apareza en ambas as faces da laxe semella contraditorio co seu emprego primixenio coma ortostato, xa que unha das súas caras permanecería tapada.

Os investigadores apuntan a posibilidade de que se trate da reutilización dunha estela máis antiga por parte dos construtores do túmulo n ° 1 de Os Campiñas, adaptando mediante talla (rotura superior), a laxe aos seus propósitos tal e como, a maior escala, ocorre nalgúns monumentos megalíticos bretóns.
Por outra banda, máis que da reutilización dunha estela, podería tratarse da decoración intencionada dun ortostato, aínda sabendo que a decoración posterior vai quedar oculta polo túmulo, caso do que tamén existen algúns exemplos.

Outra liña de investigación apuntaría á posibilidade dunha construción tumular, incluíndo unicamente no seu interior unha estela, sen cámara propiamente dita. Neste sentido habería que sinalar o carácter antropomorfo da peza, cuxo encadre cronolóxico situaríaa nun intre moi avanzado do megalitismo do NW, tal vez mesmo no calcolítico ou bronce Inicial, dentro dunha etapa na que, no plano estrutural, coñécense moi diversas solucións aplicadas á arquitectura. Estas van dende a reutilización ou transformación de monumentos máis antigos, ata o levantamento de sepulturas con construcións internas non estritamente megalíticas. Esta posibilidade estaría apoiada pola localización dunha serie de xacementos nas proximidades de Os Campiños encadrados nesta etapa, como unha cista situada a menos de 250 m, o agocho de armas do Monte Lioira, ou de estacións rupestres nas proximidades.

2.2. O merlón con escudo da Torre de Rianxo / Castelo da Lúa

A Torre de Rianxo, coñecida popularmente coma Castelo da Lúa, correspóndese cunha fortaleza baixomedieval situada no litoral da Ría de Arousa, nunha pequena punta rochosa orientada ao NW, pechando o esteiro da desembocadura do río Te. O xacemento localízase a 1 km do centro do casco urbano da vila de Rianxo, estando habilitado o acceso de vehículos dende a estrada CP7202, a través da aldea de Pazo e de peóns mediante o paseo marítimo que bordea a liña de costa.
No xacemento, ademais dos vestixios da fortaleza medieval (séculos XIII-XV), consérvanse os restos dun forno de cerámica común de época moderna (séculos XVI a XVIII) construído en cachotería.

Tras a realización de varias intervencións arqueolóxicas na primeira década do século XXI, actualmente pódense observar parte dos alicerces das edificacións que o conformaban, así como rebaixes e buratos de postes, que indican a existencia de estruturas pétreas e de madeira, hoxe desaparecidas.

No ano 1999 efectuáronse unha serie de movementos de terras relacionados coa construción do paseo marítimo peonil de Rianxo, que sacaron á luza na denominada Punta do Pazo, os restos arquitectónicos dunha construción de carácter monumental identificada cos restos da fortaleza coñecida popularmente coma Castelo da Lúa. Entre de agosto e outubro de 2001, desenvólvese unha intervención arqueolóxica que permitiu poñer á vista a maior parte dos restos da antiga fortaleza medieval, centrándose na zona central e no lateral W da pequena península rochosa, redactándose a memoria de ditos traballos en abril de 2003. En 2002 realízanse unha serie de traballos de desentullo na zona S e SE, co baleirado do foso qu e separa a fortaleza do litoral terrestre. No 2007 efectuouse unha actuación de carácter avaliativo que permitiron poñer á luz a configuración da fortaleza así como restaurar e consolidar os restos do forno cerámico de época moderna. Co motivo do I Encontro Arqueolóxico do Barbanza, celebrado en febreiro de 2007 no Centro Arqueolóxico do Barbanza, presentamos unha conferencia na que se expuxeron os resultados de dita intervención, así como unha serie de liñas encamiñadas á posta en valor do xacemento.

Tras a realización de varias intervencións arqueolóxicas e traballos de restauración e consolidación dos restos do forno, no verán de 2015 instaláronse unha serie de soportes de carácter informativo, que permiten ao visitante a comprensión e entendemento dos elementos construtivos visibles, da diferenciación das fases construtivas e en definitiva da configuración arquitectónica e histórica do castelo. O merlón obxecto da presente proposta forma parte do panel 1. Ditos paneis e imaxes poden consultarse a través da páxina web do Concello de Rianxo.

A fortaleza foi edificada por Paio Gómez Chariño, primeiro señor xurisdicional de Rianxo. A documentación histórica sinala que a fortaleza fóra atacda polos Irmandades sobre o 1465 e reedificada ao pouco tempo por Suero Gómez de Soutomaior. A partires do 1480 foi derrubada polo gobernador real Fernado de Acuña. Dende entón, ata 1532 as ruínas do castelo foron usadas como cárcere, ata que nese año é concedida a súa xurisdición directa ao arcebispo Alonso II de Fonseca, novo señor de Rianxo. Tras dese momento, o castelo será espoliado ata case desaparecer, instalándose un obradoiro de cerámica popular en época moderna.

Dende o punto de vista construtivo, o castelo contaba cunha superficie de 3.500 m², estando delimitada por unha muralla e un antemural na parte marítima. O acceso realizaríase dende terra polo SE, salvando o foso mediante unha ponte levadiza e a través dun baluarte con porta central. Dende ese punto atravesaríase o patio principal de planta rectangular, a casa forte e a torre da homenaxe. Na parte posterior existirían varias dependencias de carácter doméstico acaroadas á murarlla, un pequeno patio e unha poterna A peza obxecto de traslado trátase dun merlón ou almena pertencente á muralla ou torre da homenaxe do Castelo da Lúa. O merlón é un elemento arquitectónico típico da arquitectura militar medieval, correspondente a cada un dos saíntes verticais e rectangulares, apuntados ou mixtos (coma neste caso), dispostos a intervalos regulares que coroan os muros perimetrais de castelos ou torres defensivas.

A peza presenta unhas dimensións de 80 cm de lonxitude, por 75 cm de anchura, por 24 cm de grosor, estando construída en granito local de boa calidade. A metade inferior presenta alzado rectangular, mentres que a metade superior estaría apuntada, presentando fragmentado o extremo superior, correspondente á punta da peza.

Como elemento singular, presenta en relevo o escudo de armas dos Soutomaior na súa cara exterior, correspondente ao axadrezado ou xaquelado. Este amosa unha orla simple que delimita o contorno do escudo, de forma rectangular e base semicircular, con pivote no extremo inferior. A decoración componse de 9 filas xaqueladas, separadas cada por unha fila sen gravar (a primeira destas presenta o primeiro cadro gravado) por 8 columnas de cadros.

3. O lugar de exposición

Para a musealización destas dúas pezas arqueolóxicas no interior do Auditorio Municipal de Rianxo escolleuse un espazo na planta baixa que visualmente domina os espazos da entrada e a sala de exposicións.
Neste punto están situadas as escaleiras principais que nos levan a outras dependencias nos andares superiores, polo que é un punto importante de paso.
Construirase unha estrutura expositiva que conterá as pezas e irá acompañada cunha paca explicativa acerca da tipoloxía, cronoloxía, contexto, interpretación e significado de cada unha das pezas.