Bandos Informativos

- Bando Informativo sobre acollemento de crianzas saharauís baixo o programa Vacacións en Paz 2016 - Concello de Rianxo

Bandos Informativos

Bando Informativo sobre acollemento de crianzas saharauís baixo o programa Vacacións en Paz 2016

Veciños e veciñas, cada verán un grupo de crianzas do Sáhara veñen a Rianxo fuxindo dos rigores dun calor estremo no deserto para vivir varios meses con familias rianxeiras que os acollen. Todo un compromiso de solidariedade que di moito destas persoas.

Forman parte dun país que ven de cumprir 40 anos despois de que fose descolonizado e abandonado á súa sorte polo goberno español, que o deixou só nas mans do reino de Marrocos que o invadiu inmediatamente. Axiña expulsou a milleiros de saharauís aos campamentos de refuxiados de Alxeria onde hoxe viven unhas 165.000 persoas e levantou outro muro da vergonza para illalos.

Son 40 anos de loita por celebrar un referéndum que lles devolva o seu papel entre as nacións do mundo. Nestes momentos o goberno marroquí acaba de expulsar a todos os membros da misión da ONU que baixo o nome de MINURSO buscaban precisamente iso: unha consulta libre a todo o pobo saharauí para decidir o futuro. Está aumentando a represión contra a xente e expulsando tamén a xuristas españois que se interesan pola situación dos presos políticos saharauís nas cadeas de Marrocos. A situación é das máis graves dos últimos anos cun clima prebélico e movementos de tropas cara os campamentos.

O Concello de Rianxo, ao abeiro dun acordo plenario unánime no mes de febreiro, recoñeceu a existencia da República Árabe Saharauí Democrática e instou ao Goberno de España a asumir a súa responsabilidade histórica con esta nación.

Diante desta situación gravísima de preguerra que se está a dar queremos comunicar que este será un ano especial para a acollida de nenos e nenas do Sáhara, están demandando novas familias, e incluso non se descarta a necesidade de viaxes especiais que permitan a estancia de máis poboación infantil nas nosas terras. Será por tanto o momento de amosar máis que nunca a nosa solidariedade con este pobo. Iremos dando avisos oportunamente das campañas de colaboración que se desenvolvan. Que se escoite o berro solidario de Sáhara Libre!