Notas de Prensa

Acórdanse os textos do Convenio colectivo para o persoal laboral, o Acordo regulador para os funcionarios, o Regulamento de teletraballo e o Regulamento de segunda actividade - A Mesa de negociación do Concello de Rianxo acorda novos textos reguladores para o persoal municipal - Concello de Rianxo

Notas de Prensa

A Mesa de negociación do Concello de Rianxo acorda novos textos reguladores para o persoal municipal

Acórdanse os textos do Convenio colectivo para o persoal laboral, o Acordo regulador para os funcionarios, o Regulamento de teletraballo e o Regulamento de segunda actividade

A Mesa de Negociación do Concello de Rianxo aproba por unanimidade un novo Convenio colectivo para o persoal laboral, o Acordo regulador para os funcionarios, un Regulamento de teletraballo e o Regulamento de segunda actividade para todo o persoal ao servizo do Concello de Rianxo.

Os textos aprobados implicaron na negociación ao conxunto do Comité de Empresa, a representante do funcionariado e os sindicatos CIG, UXT, CCOO e CSIF e por parte do Concello, á Alcadía. En conxunto a valoración do acordado foi moi positiva e o último chanzo antes da futura aprobación da relación de postos de traballo ou RPT que se prevé finalizar nuns meses.

Agora, tras o paso pola mesa de Negociación, elevaranse ao pleno municipal de ser preceptivo para a súa ratificación.

Ademais da posta ao día do Convenio colectivo e do Acordo regulador, o Regulamento de teletraballo supón unha ferramenta para establecer os protocolos de funcionamento da administración e dos departamentos non só en tempos de pandemia, senón nun novo xeito de traballar por tarefas, favorecendo a conciliación, con obxectivos e garantindo sempre a atención presencial. Esta será sempre semanalmente de polo menos dúas xornadas, pois o teletraballo, voluntario e acordado polas partes, empresa e traballador/a, nunca superará o 50% da xornada mensual.

O Regulamento de segunda actividade sae o paso de situacións e problemas físicos para desempeñar as tarefas ordinarias por parte do persoal traballador que, sen embargo, non impiden seguir con outras tarefas en postos diferentes, evitando o cese da relación laboral prematuramente, coa conseguinte redución de dereitos e salarios laborais, e seguindo este traballo até a súa extinción a pedido da persoa traballadora.  Xa existía para a Policía Local por lei e quíxose ampliar esta prestación para o conxunto do cadro de persoal.