Actualidade

- Saúdo do alcalde polas festas da Guadalupe - Concello de Rianxo

Actualidade

Saúdo do alcalde polas festas da Guadalupe

Queridos veciños e veciñas de Rianxo, con gran ilusión escribo, un ano máis, unhas breves liñas para darvos a benvida a un dos momentos máis esperados do ano.

"Que significan para Rianxo as Festas da Guadalupe?", pregúntanme estes días dende diferentes medios de comunicación. A Guadalupe é máis que unha festa, é a materialización dun sentimento de orgullo polo noso pasado, pola nosa tradición e pola nosa identidade como rianxeiros e rianxeiras.

A emoción que calquera de nós sinte cantando o "Pájaro Pinto" na Ribeira ou "A Rianxeira" baixo a luz das bengalas é o froito dese sentimento. Unha emoción contaxiosa e que fai que calquera persoa que se achega a Rianxo para desfrutar das festas se sinta como un veciño ou unha veciña máis.

Estas son unhas festas tradicionalmente familiares e tranquilas, e así desexo que sigan sendo. Pídovos que desfrutedes delas coa máxima ledicia, mais tamén con moderación e con empatía cara as persoas que durante os días festivos seguirán traballando para todos e para todas ás que aproveito para lles agradecer a súa dedicación.

Un agradecemento que quero facer extensivo, por suposto, a todas as persoas da organización polo traballo que levan a cabo durante todo o ano e que se traduce nun intenso programa festivo que encherá de vida as nosas rúas.

 Os meus mellores desexos para estas festas e que para o ano próximo non nos falte ninguén.

Que viva Rianxo e que bote o Xixí!